martes, 24 de abril de 2012

1. Movementos naturais de poboación

Movementos naturais de poboación: Natalidade, mortalidade e fecundación no réxime demográfico actual Desequilibrios territoriais no movemento natural de poboación A poboación é o conxunto de seres humanos que vive nun territorio determinado. Para estudar unha poboación trabállase basicamente tres variables: a dinámica que seguiu a poboación, preferentemente a natalidade, a mortalidade e a fecundidade; a estrutura da poboación por idades e sexos, e a distribución da poboación no territorio, utilizando para iso o concepto de densidade de poboación. A dinámica que decide o movemento natural da poboación é moi sinxela: se os nacementos son máis numerosos que as defuncións, a poboación ten un crecemento natural ou vexetativo positivo. Pola contra, se a mortalidade é máis elevada que a natalidade, a poboación tende a diminuír. Natalidade, mortalidade e fecundación no réxime demográfico actual Natalidade Desde comezos do século XX, a natalidade en España amosou unha tendencia descendente, que se intensificou a finais da década de 1970. Esta propensión á baixa situou a España, ao redor de 1990, nun dos índices de fecundidade máis baixos de Europa. O descenso da natalidade fixo que o número de nados se achegase ao número de falecidos, o que se traduciu nun escaso crecemento natural da poboación. A baixa natalidade houbo que lle sumar unha espereanza de vida cada vez máis prolongada, de xeito que se incrementou a porcentaxe de persoas con idades superiores aos 65 anos. Como consecuencia disto, a poboación española entrou nunha fase de avellentamento progresivo. A partir do cambio de século, as estatísticas amosan unha repunta da natalidade, de maneria que no ano 2007 se situaba nun 11%, a cifra máis alta rexistrada desde 1979. Este cambio de tendencia foi debido á chegada á idade fértil das mulleres nadas nos anos de forte crecemento demográfico, así como á chegada masiva de inmigrantes estranxeiros novos, atraídos polo crecemento da economía española. Os estudos publicados en 2009 auguran que este crecemento da poboación se irá reducindo en moi poucos anos, debido á crise económica que diminuirá o número de inmigrantes, ao que hai que sumar a entrada de xeracións con menor número de mulleres nas idades máis fecundas. As previsións do Instituto Nacional de Estatística indican que a poboación española podería chegar a un crecemento vexetativo por debaixo do 1% en 2017, e coa probabilidade de seguir diminuíndo, polo que a diferenza entre o número de nacementos e o de defuncións tenderá a se igualar. Mortalidade Ao longo do século XX, a mortalidade en España caeu debido ao importante descenso da mortalidade infantil e ao aumento da esperanza de vida. En 1900, a taxa de mortalidade era do 28,3‰, mentres que na década de 1980 chegou a ser do 7,4 ‰. No entanto, a partir de 1985 rexistrouse un lixeiro aumento, debido ao progresivo avellentamento da poboación. En 2007, a taxa de mortalidade era do 8,6‰. A primeira causa de falecemento foron as enfermidades cardiovasculares, cunha maior incidencia na poboación masculina, a partir dos 45 anos. Entre os 15 e os 44 anos, o maior número de defuncións ocasiónanos os accidentes de tráfico e a SIDA. A poboación masculina é tamén a máis afectada. A incidencia destas causas de falecemento segue unha tendencia decrecente. A taxa de mortalidade infantil en España é moi baixa: 3,5 por cada mil nados vivos en 2007, de maneira que se sitúa ao nivel dos países máis avanzados do mundo. Nupcialidade e fecundidade Ata hai pouco, o número de matrimonios por cada 1000 habitantes era un dato significativo porque gardaba relación directa coa natalidade, pero actualmente resulta un dato pouco fiable, dado o aumento de parellas de feito e de familias monoparentais. A taxa media de fillos por muller, que no ano 2007 foi de 1,4, prevese que se sitúe no 1,5, pero aínda que as mulleres teñan máis fillos, a poboación non medrará porque haberá menos mulleres en idade de procrear. O que non semella que vaia cambiar é a idade media de maternidade, estabilizada, en 2007, ao redor dos 31 anos. Este atraso na maternidade, que antes se situaba nos 25 anos de media, débese, entre outras causas, á dificultade que representa ter fillos sen contar antes cunha situación laboral sólida. Para que unha poboación se manteña estable, é necesario que unha xeración sexa relevada pola seguinte. Esta substitución acádase cunha media de 2,1 fillos por muller. Nos últimos anos, a inmigración modificou a tendencia á baixa da natalidade, pero isto non garante a substittución xeracional. Desequilibrios territoriais no movemento natural da poboación Actualmente, todas as comunidades autónomas posúen baixas taxas de natalidade, de mortalidade e de crecemento natural. Non obstante, existen certos contrastes debidos á diferente estrutura por idades, é dicir, ao grao de xuventude ou envellecemento da poboación. Esta estrutura depende á súa vez de causas herdadas e actuais: - As causas herdadas son o distinto comportamento tradicional da natualidade e as diferenzas de desenvolvemento económico, causantes das migracións. Estas aféctanlle principalmente á poboación nova e provocan o envellecemento das rexións emigratorias (onde descende a natalidade e aumenta a mortalidade) e o rexuvenecemento das inmigratorias. En España, as migracións tiveron lugar entre 1950 e 1975, desde as rexións agrarias do interior ás urbano-industriais da periferia de Madrid. A crise de 1975 detivo estas migracións e afundiu a natalidade nas rexións máis afectadas. - As causas actuais son os novos factores de desenvolvemento económico a partir da crise e a inmigración estranxeira, que desde 1995 achega poboación nova e elevación da natalidade. a) As comunidades autónomas con maior dinamismo demográfico contan, respecto á media española, con taxas de natalidade máis elevadas, taxas de mortalidade máis baixas e crecemento natural máis alto. En xeral, presentan unha estrutura demográfica relativamente máis nova, causada por un comportamento tradicional máis natalista (Andalucía, Murcia e as cidades de Ceuta e Melilla), por ser foco de inmigración interna en épocas pasadas (Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Baleares) ou por recibir unha forte inmigración estranxeira desde a década de 1990 (todas elas). As excepcións neste grupo son Canarias, onde a favorable estrutura por idades compensa a baixa natalidade, e Navarra, onde a desfavorable estrutura por idades se compensa cunha natalidade relativamente máis alta. b) As comunidades autónomas en declive demográfico teñen, respecto á media española, taxas de natalidade máis baixas, taxas de mortalidade máis altas e crecemento natural máis baixo, negativo en moitos casos. Presentan unha estrutura demográfica fortemente envellecida, por sufrir unha intensa emigración en épocas pasadas (Galicia e as comunidades do interior peninsular); pola prolongada incidencia da crise industrial de 1975 (rexións de antiga tradición industrial da cornixa cantábrica), e por contar na actualidade con menor inmigración estranxeira