martes, 24 de abril de 2012

O SISTEMA URBANO GALEGO

As cidades do sistema urbano español constitúen unha rede urbana xerarquizada propia dun país industrializado. Estas exercen certa influencia cara á súa área circundante a partir das funcións e servizos que ofrecen. As cidades conforman unha rede de relacións e de influencias na súa área circundante porque son nós de comunicacións, centros de produción e distribución de bens e provedores de servizos. O territorio vinculado a unha cidade debido á atracción que esta exerce é o hinterland ou área de influencia, mentres que os núcleos que realizan esta atracción son os lugares centrais. Polo xeral, canto maior é a cidade, máis ampla á a gama de servizos e funcións que ofrece de xeito que, polo menos potencialmente, a súa área de influencia tamén é maior. Nun mundo globalizado, ás áreas de influencia transformáronse, xa que os medios de transporte e comunicación poden facer que esta área se estenda cada vez máis lonxe e de xeito máis intenso. Dentro dun mesmo sistema urbano existen grupos de cidades especialmente vinculadas entre si. Cada un deses grupos constitúe o que se denomina subsistema urbano, que pode ser entendido como un sistema que forma parte doutro maior. No sistema de cidades españolas pódense distinguir distintos subsistemas urbanos. O subsistema galego é un subsistema policéntrico, en que a capital da Comunidade Autónoma (Santiago de Compostela) se localiza nun lugar intermedio entre as dúas metrópoles rexionais (A Coruña e Vigo). As cidades concéntranse fortemente ao longo da costa occidental. Non existe unha gradación piramidal nos tamaños das cidades maiores, os núcleos urbanos manteñen relacións bidireccionais, non xerárquicas. A distribución dos centros urbanos galegos caracterízase polo acusado desequilibrio, tanto demográfico coma funcional, entre as provincias occidentais e as orientais. De xeito que o denominado Corredor Atlántico, que discorre entre as dúas rexións urbanas da Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo, e que pasa por Santiago -capital rexional e nodo integrador entre o litoral e a Galicia interior-, concentra máis do 60% da poboación total, máis do 70% do emprego non agrario e arredor do 80% da renda rexional. Dentro da xerarquía urbana galega non existe un único núcleo que exerza un papel claramente reitor sobre o conxunto da comunidade autónoma, senón que predomina o policentrismo. Este modelo de organización territorial está composto por dúas ou máis cidades centrais, cunha ampla área de influencia, e un conxunto de cidades intermedias, que funcionan como subcentros e que aseguran un crecemento plural: - Dúas metrópoles rexionais (Vigo e A Coruña) que sustentan os servizos máis cualificados, un desenvolvido sector terciario e un sistema empresarial competitivo. - Cinco cidades medias (Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol) que exercen un papel equilibrador dentro do territorio, cunha certa especialización no sector servizos na maior parte dos casos. - Un numeroso conxunto de vilas, de tamaño moi variable, que constitúen pequenos focos de desenvolvemento, con equipamentos sanitarios, educativos, de ocio..., que serven a unha área de influencia que non adoita superar o nivel da propia comarca. Nos últimos anos, moitas pequenas e medianas empresas atoparon nestes núcleos un lugar axeitado para a súa localización, aproveitando o prezo inferior do solo industrial, o seu emprazamento nas pricipais vías de comunicación (Lalín, Monforte de Lemos, Verín...) Ou a súa proximidade aos recursos naturais (O Barco ou As Pontes). Cada unha das sete cidades galegas exerce un papel diferente na organización do territorio, cunha serie de funcións que, aínda que variaron ao longo do tempo, sintetizan o seu carácter e as actividades dos seus habitantes: • Vigo. A enorme importancia do porto de Vigo, que ocupa o primeiro posto nacional en canto a flota pesqueira, incidiu no acelerado desenvolvemento fabril da cidade a partir de 1970. A instalación de varios estaleiros, industrias de automoción, conserveiras, químicas..., así como a súa relevante función comercial, fan que a área de influencia de Vigo exceda a da súa ampla área metropolitana e abarque, incluso, o norte de Portugal. • A Coruña. Cidade de gran tradición comercial grazas á importancia do seu porto, A Coruña une actualmente esta función coa de sede financieira, coa localización de numerosas entidades bancarias e empresas complementarias que a converteron na capital de negocios de Galicia. As actividades xudiciais (acolle a Audiencia Territorial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia), administrativas e militares ocupan tamén a boa parte da súa poboación. • Ourense. Desde 1970, Ourense converteuse na terceira cidade de Galicia por volume demográfico. Actualmente, a administración e o comercio danlle traballo á maior parte da súa poboación, aínda que, o seu papel como nó de comunicacións ferroviarias e por estrada posibilitou a instalación de industrias téxtiles, alimentarias e de automoción no moderno polígono industrial de San Cibrán das Viñas. Ourense é a cidade galega que, proporcionalmente, máis medrou na última década. • Lugo. Como capital provincial e única cidade importante dunha extensa área rural, Lugo presenta unha clara especialización cara á administración pública pero, ao mesmo tempo, cumpre importantes funcións comerciais, sanitarias e educativas. • Santiago. As fondas raíces relixiosas e artísticas da Cidade do Apóstolo, fomentaron o actual desenvolvemento da actividade turística e a súa especialización no sector servizos. Santiago conta cunha das universidades máis antigas e de maior tradición de España. Así mesmo, destaca pola súa relevante comercial (alberga o Mercado Nacional de Gando), sanitaria (Hospital Clínico Universitario) e de comunicación terrestres e aéreas, co aeroporto internacional de Lavacolla. Desde a súa designación como capital galega reforzou as funcións de carácter administrativo. • Pontevedra. A máis pequena das capitais galegas viviu unha etapa de esplendor económico e demográfico, durante os séculos XV e XVI, grazas ao auxe das actividades comercial e pesqueira. Así e todo, a pesar da súa designación como capital provincial no século XIX, non acadou o dinamismo da área metropolitana de Vigo, cun escaso desenvolvemento fabril, e, na actualidade, cumpre funcións esencialmente administrativas. • Ferrol. Emprazada na marxe dereita da ría, nun entrante protexido por terra e mar, Ferrol baseou o seu desenvolvemento na función militar e na industria naval, converténdose, desde o século XVIII, nunha das cidades máis poboadas e dinámicas de Galicia. Non obstante, debido ás sucesivas crises dos estaleiros e á súa falta de diversificación económica, nas últimas décadas atópase sumida nunha recesión demográfica e económica que parece empezar a superar coa construción do porto exterior de Caneliñas. Leer más: http://noespazoenotempo.webnode.es/calendario-de-eventos/o-sistema-urbano/practicos/p5/ Crea tu propia web gratis: http://www.webnode.es