martes, 24 de abril de 2012

Mapas de erosión, desertización e incendios

A vexetación e os solos son esenciais para o funcionamento dos ecosistemas e a alimentación da poboación. Cando a presión humana degrada ambos elementos, prodúcense unha serie de reaccións en cadea e, con elas, un severo problema ambiental: a desertización. Deste xeito, un territorio pode parecer un deserto sen selo previamente e, ao escasear nel os recursos, orixinarse graves problemas económicos e sociais. As causas que inciden na desertización son múltiples e, cando se combinan varias de forma simultánea sobre un mesmo territorio, os seus efectos adversos increméntanse. Entre as causas de orixe antrópica destacan a deforestación, os incendios forestais provocados, a degradación do solo por malas prácticas agrícolas ou sobrepastoreo, a sobreexplotación dos acuíferos, a degradación das augas superficiais e subterráneas, e a artificialización do solo producida por explotacións mineiras, grandes infraestructuras ou crecementos residenciais. Se estas accións se combinan con algúns procesos naturais, como a seca prolongada ou os procesos erosivos en zonas de pendentes acusadas, o risco de desertización é aínda maior. Os efectos da desertización maniféstanse de forma combinada. A contaminación dos solos ou a auga e a erosión xeran á súa vez a deterioración e a perda de recursos edáficos, hídricos e biolóxicos dunha zona. Isto comporta en moitas ocasións a reducción da productividade agrícola e a diminución da biodiversidade. Todo isto limita a calidade de vida das persoas que habitan as áreas desertizadas, pois pódense producir grandes fames, migracións, crises económicas, pobreza e inestabilidade social. Os procesos de desertización afectan actualmente máis dun terzo da superficie terrestre continental, uns 35 millóns de km2, cifra que podería ampliarse se se cumpren as prediccións máis pesimistas asociadas ao cambio climático. O avance deste proceso en calquera continente provoca problemas ambientais, socioeconómicos e políticos considerables. Por isto, algúns organismos internacionais, en colaboración cos países implicados, están desenvolvendo actualmente programas de loita contra a desertización. A desertización é un problema ambiental moi significativo en España xa que preto do 18% do territorio corre un risco elevado de padecelo. É a consecuencia dunha excesiva presión humana sobre rexións fráxiles, principalmente de clima árido, semiárido ou cunha longa estación seca. As comunidades autónomas máis afectadas son Murcia, Valencia e Canarias, con altos niveis de risco de desertización na maior parte do seu territorio. Séguenas Andalucía, Castela-A Mancha, Cataluña e Madrid, con case a metade da súa área en risco, mentres que Aragón e Baleares teñen un terzo da súa superficie ameazada por este proceso. En España a erosión do solo ten unha notable incidencia nos procesos de desertización. Unha das principais causas débese á degradación da vexetación que está asociada a diversas actividades humanas ou aos incendios forestais. Tamén inflúen factores naturais, como as características do propio solo ou as condicións climáticas, pero na maioría dos casos o causante da erosión adoita ter unha orixe antrópica. As maiores taxas de perda de solo concéntranse nas cuncas hidrográficas do Guadalquivir, Ebro, Xúcar, así como nalgunhas zonas dispersas do sur peninsular. España publicou recentemente o Programa de Acción Nacional contra a Desertización, que pretende determinar os factores que contribúen a este problema ambiental e establecer as medidas prácticas para loitar contra el. Entre elas, o programa proponse dedicar unha atención especial ás medidas preventivas en terras aínda non degradadas, pero que estean sometidas a riscos potenciais de desrtización. Os incendios forestais son unha das causas que aceleran o proceso de desertización dun territorio. Provocan graves danos aos ecosistemas, tanto á vexetación e á fauna coma ao solo, ao tempo que xeran importantes perdas económicas e poñen en perigo a vida das persoas. Trátase dun fenómeno relativamente frecuente nos países da ribeira mediterránea, que afecta especialmente a España. Desde a década dos anos setenta do século pasado, o número de incendios foi aumentando, se ben se aprecia un descenso nos últimos anos. A superficie queimada, pola súa banda, foise reducindo lixeiramente durante ese período. Galicia é a comunidade autónoma que mostra unha maior superficie queimada por ano, seguida de Castela e León, Andalucía e a Comunidade Valenciana. Se se ten en conta a superficie queimada con respecto á de cada comunidade, Galicia segue estando en primeiro lugar, mentres que a Comunidade Valenciana e Cantrabria ocupan o segundo e terceiro posto respectivamente. Polo que respecta á orixe dos incendios, esta é antrópica en máis do 60% das ocasións e de orixe natural en menos dun 10% dos casos, sendo o resto de orixe descoñecida. É dicir, que a maior parte dos incendios que se producen en España son provocados. Para que se produza un incendio forestal é necesarios que se combinen tres elementos: unha masa vexetal abundante, unha fonte de calor e a existencia de osíxeno. O risco de incendio incrementa por factores como, por exemplo, os períodos de seca, o abandono das áreas rurais ou a introdución de especies inadecuadas nos procesos de repoboación forestal. Tamén son axentes determinantes os conflitos de intereses por razóns urbanísticas, gandeiras, agrícolas ou industriais. Nas últimas décadas incrementáronse os plans para loitar contra os incendios forestais, aínda que este problema ten unha solución complexa. Non só é necesario investir nos medios de extinción humanos e materiais e nos sistemas de vixiancia e control, senón tamén na prevención e na sensibilización. Leer más: http://noespazoenotempo.webnode.es/tema-6-riscos-e-problemas-ambientais/practicos/mapas-de-erosion-desertizacion-e-incendios/ Crea tu propia web gratis: http://www.webnode.es