martes, 24 de abril de 2012

Factores da diversidade bioxeográfica.

Tema 4 - Factores de diversidade bioxeográfica (Situación xeográfica e procesos naturais / acción antrópica) A diversidade é un dos trazos que identifica as condicións naturais de España. Esta maniféstase tanto nas características do relevo, os contrastes climáticos e hídricos, e a distribución dos solos, coma nas diversas adaptacións ao medio que realizaron os seres vivos. A súa vez, a actividade humana tamén influíu nos solos, na vexetación e na fauna; unhas veces favorecendo o desenvolvemento de determinadas especies, e outras poñendo en perigo a súa supervivencia. Non obstante, e malia a intensa e secular explotación dos recursos, España é actualmente un dos países da Unión Europea onde a biodiversidade é máis elevada. Esto é debido a que posúe unhas condicións naturais que favorecen a existencia de ambientes moi diferentes, o que permitiu o desenvolvemento de comunidades vexetais e animais moi variadas. Esta notable diversidade explícase por diferentes factores; uns están relacionados directamente coa situación xeográfica e cos procesos naturais, e outros coa actividade humana. - A situación xeográfica de España, entre o norte de África e o extremo suroccidental de Europa e, á súa vez, entre o Mediterráneo e o Atlántico. Esta situación permítelle ter influencias de ámbitos con características climáticas, florísticas e faunísticas moi diversas, como son as rexións eurosiberiana, mediterránea, saharo-arábiga e macaronésica. - Durante as glaciacións cuaternarias, amplos sectores da península ibérica e dos dous arquipiélagos tiveron unhas condicións máis cálidas ca as do centro e norte de Europa, polo que serviron desta forma de refuxio a numerosas especies vexetais e animais. Algunhas destas especies, desaparecidas actualmente do resto de Europa, aínda perduran en determinadas rexións españolas. Á súa vez, moitas quedaron illadas e evolucionaron, de tal xeito que deron lugar a endemismos, dos que España posúe un amplo patrimonio. - As península do sur de Europa, así como algúns arquipiélagos son as rutas máis empregadas polas aves para desprazárense entre Europa e África. Grazas a súa localización, España representa un papel esencial nas rutas das aves migratorias, ben como área de nidificación de numerosas especies, punto de invernada, ou simplemente como zona de descanso. Estes desprazamentos tamén favorecen a dispersión de sementes e, con iso, o incremento da diversidade vexetal. - A existencia dun relevo moi contrastado entre chairas e montañas, áreas costeiras e de interior, zonas continentais e arquipiélagos, que multiplica a variedade de condicións ambientais. A iso súmase a diversidade litolóxica, onde rochas de diferente composición, cronoloxía e grao de meteorización favorecen a formación de distintos tipos de solos e, con iso, de diferentes condicións para que se instale a vexetación e a fauna. - Unhas condicións climáticas moi diversas con notables constantes entre as rexións de clima mediterráneo e oceánico, e entre estas e as que se dan no arquipiélago de Canarias. Ademais, tanto no territorio peninsular como nos arquipiélagos hai unha gran diversidade de climas locais, en función da altitude dos territorios e a súa diferente exposición ás masas de aire. - A distribución dos recursos hídricos, moi desigual en España, tanto espacial coma estacionalmente, o que tamén inflúe na localización da flora e a fauna: · Nas rexións de clima oceánico ou en numerosas áreas de montaña, a auga achegada pola precipitación supera a que é consumida pola evaporación, polo que un volume considerable pode circular polos ríos. · En contrapartida, nas rexións mediterráneas e en amplos sectores de Canarias, a maior parte da auga de chuvia evapórase ou é empregada polos seres vivos, por estas causas, na maioría dos casos, os cursos de auga só se activan tras as chuvias torrenciais. Moitas especies desenvolveron mecanismos para adaptarse a estes contrastes. - A incidencia da actividade humana sobre a biodiversidade tivo consecuencias de diferente signo. · Nunhas ocasións contribuíu á diversificación de ecosistemas -por exemplo, mediante algunhas prácticas agrarias-, ou á conservación dalgunhas especies, sobre todo aquelas das que se podía beneficiar. · Noutras, en cambio, favoreceu a súa extinción. Na actualidade, existen notables contrastes entre áreas intensamente explotadas durante séculos, e outras que, ao quedaren nunha posición marxinal dos fluxos económicos, preservaron boa parte da súa biodiversidade. Nas últimas décadas o número de especies amenazadas incrementouse significativamente; sobre todo, o daqueles que se atopan en perigo de extinción. O maior número de especies ameazadas rexístrase entre as aves, seguidas da flora e, a maior distancia, dos mamíferos e os réptiles. Este incremento está moi vinculado á expansión de actividades humanas que implican, directa ou indirectamente, a destrucción de hábitats e a contaminación do medio. Non obstante, este proceso coincide no tempo cunha etapa en que se están desenvolvendo numerosas estratexias de conservación, polo que cabe esperar que, nun futuro próximo, se reduza o grao de ameaza.