martes, 24 de abril de 2012

Situación actual da industria en España e Galicia.

Tema 8: A reestruturación dos espazos industriais Situación actual da industria en España e Galicia. - Desafíos: problemas estruturais (dimensión, I+D+i, tecnoloxía) e consecuencias da incorporación á Unión Europea. - Tendencias recentes da industria en España: globalización e deslocalización. España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Pero o desenvolvemento en España da actividade industrial non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico-informática. Desenvolveuse así unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional e tamén terceira revolución industrial que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea supuxo a fin de todo proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, o que provocou unha reconversión industrial e o peche de moitas industrias non competitivas. Situación actual da industria española A industria española despois da súa entrada na Unión Europea viviu un proceso de modernización produtiva, aínda que tivo que superar un período de crise a partir do ano 1990 que se agudizou no ano 1993. A mediados dos noventa a industria española, xa recuperada, convertérase no sector de actividade máis produtivo grazas á moderación salarial e á flexibilidade na contratación laboral. A economía crecía por riba da media europea e aumentaba o investimento español nos países da Unión Europea mentres que en Portugal, o norte de África e Latinoamérica se instalaban empresas españolas. A industria tivo un bo ritmo de crecemento de vendas, produción e demanda aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral do emprego. No entanto, en 2007 xorde a crise financieira en Estados Unidos e aféctalle a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España se reflicte cunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego. Os desafíos da industria española A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e á global: - Existe un escaso número de grandes empresas, xa que dominan as pequenas e medianas empresas; estas teñen a vantaxe de adaptarse mellor ás demandas do mercado e presentar menos conflictos laborais, porén, non permite facer economías de escala, nin grandes investimentos en novas tecnoloxías. O Instituto da Mediana e Pequena Empresa Industrial fomenta a innovación das PEMEs e a colaboración tecnolóxica entre elas. - A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea, feito que incrementa o custo laboral. Un dos recursos para mellorar a produtividade é a aplicación das innovacións derivadas das TIC, pero o gasto español neste sentido está moi por debaixo do gasto da UE. - O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente (só o 1,4% de industrias manufactureiras españolas presentan un nivel alto de intensidade tecnolóxica e unicamente 22 empresas españolas figuran na listaxe das mil empresas comunitarias que máis invisten en innovación). Isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, que son unha boa fonte de ingresos para os países que as crean, pero un enorme gasto para países como España que deben pagar para a súa aplicación. É fundamental, polo tanto, dedicarlle unha porcentaxe máis elevada do PIB a I+D e fomentar a mellora do sistema educativo e a formación técnica laboral. Consecuencias da incorporación de novos Estados á UE A incorporación de novos países á UE afecta a industria española por diversas causas: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o Norte de Italia; ademais, a súa estrutura productiva é similar á española, a man de obra, máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo o investimento do capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE. Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos, o que tería consecuencias negativas para as industrias de compoñentes. España debería orientar o seu tecido industrial a unha maior calidade e produtividade para lle facer fronte á competencia dos novos países da UE que tenden a desprazar a España do seu segmento do mercado exportador. Os espazos industriais españois nun mundo global O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Esta rede caracterízase pola concentración de capital e de decisión en poucas empresas multinacionais moi poderosas, co que o papel da economía estatal se reduce. Numerosas decisións tómanse fóra de España xa que aquí hai poucas sedes centrais de grandes empresas. Isto explica que, malia ser unha potencia industrial, non teña un papel relevante na economía mundial. Globalización e deslocalización Nunha economía globalizada as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa conta de mercado; de aquí derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e das mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón trasládanse ao Leste de Europa, Sueste asiático, China... Por outro lado, a localización dos establecementos industriais flexibilizouse de maneira que a empresa pode deslocalizar parte do proceso produtivo. Este é o caso dalgunhas fábricas téxtiles españolas que desprazaron ao Norte de África os procesos que esixen unha considerable ma de obra, mentres que o deseño dos tecidos, proceso de maior valor engadido, se fai en España. As consecuencias das deslocalizacións son o aumento da taxa de paro e a perda de emprego do sector secundario que cad avez tende máis a terciarizarse. As políticas industriais, por parte dos gobernos, proporciónanlles axudas ás empresas para frear o proceso de deslocalización e o aumento do paro. O proceso de industrialización de Galicia En 1955, cando outras comunidades españolas comezaban o seu despegamento industrial, preto do 70% da poboación galega aínda se dedicaba ás actividades agrícolas. Así pois, o proceso industrializador en Galicia estivo marcado por un evidene atraso debido non só á falta de iniciativas locais senón tamén á deficiente organización do sector primario e á súa posición periférica e mal comunicada con respecto aos centros de decisión. Ata as décadas centrais do século XX, as únicas actividades fabrís, limitadas case exclusivamente ao sector naval e ás conserveiras, foran desenvolvidas grazas a inestimentos exteriores como os levados a cabo pola burguesía catalana en certos núcleos costeiros. Posteriormente, as actuacións do goberno central en materia de desenvolvemento -os Polos de Desenvolvemento Industrial- apoiaron un incipiente, aínda que tardío, desenvolvemento industrial. A instalación de Citroën Hispania en Vigo (1957), grazas a un certo aperturismo económico a partir da década dos anos cincuenta, supuxo o inicio do proceso de internacionalización e diversificación da economía galega. Desde 1960, paralelamente á modernización do sector agrario, chegaron a Galicia varias multinacionais alimentarias (como Nestlé), que favoreceron o desenvolvemento das actividades primarias ao garantir e estabilizar a demanda industrial dos nosos productos agrícolas. En definitiva, as grandes empresas localizadas en Galicia contan con capital eminentemente foráneo e están máis vinculadas á industria española ou europea no seu conxunto que á do resto da comunidade autónoma. Estrutura e principais áreas industrias galegas Na actualidade, o sector secundario ocupa en torno ao 29% da poboación activa galega, similar á porcentaxe española (30%), o que indica un importante desenvolvemento do sector nas últimas décadas. Non obstante, algúns dos subsectores empresarias localizados en Galicia supoñen un gran custo ambiental. Tal é o caso da celulosa de Pontevedra, a refinería da Coruña, ou as industrias de base localizadas no concello lucense de Cervo (Alúmina-Aluminio) e no coruñés de Cee (Carburos Metálicos). As empresas industriais galegas, salvo excepcións, caracterízanse polo seu pequeño tamaño, o que as fai pouco competitivas, ao teren dificultades para incorporar innovacións tecnolóxicas. Os principais subsectores industriais localízanse ao longo do Corredor Atlántico, sobre todo na área metropolitana de Vigo e no Golfo Ártabro, que conta con mellores infraestruturas de comunicación e cunha rede empresarial consolidada: - A construción naval -sector que sufriu unha forte reconversión, da que logrou saír gracias ás subvencións estatais e ás axudas do Fondo Social Europeo- localízase fundamentalmente nas cidades de Ferrol (Navantia) e Vigo (Barreras), aínda que existen arredor de cen empresas polo xeral de pequeno tamaño relacionadas co ramo ao longo da costa galega que empregan máis de 10.000 traballadores. - A industria automobilística concéntrase fundamentalmente en Vigo e a súa comarca arredor de Citroën Hispania. Así e todo, algunhas empresas dedicadas á fabricación de carrocerías e vehículos especiais aséntanse noutras localidades galegas como Santiago (Castrosúa e URO, vehículos especiais). - O sector alimentario conta cunha ampla representación en Galicia, dada a vocación agropecuaria e mariñeira do territorio. Destacan as industrias de conserva de peixe, as de máis longa tradición da nosa comunidade, situadas preferentemente nas Rías Baixas e, sobre todo, na de Arousa (Ribeira, Pobra do Caramiñal, Vilagarcía, Vilanova...); os conxelados de produtos do mar -coa multinacional galega Pescanova-; o sector lácteo e o das augas minerais, localizados nas provincias de Ourense e Pontevedra, e o grupo Coren, que, empezando como cooperativa no ano 1961, se converteu na primeira empresa agroalimentaria de España, especializada en produtos avícolas. - O ramo da madeira está composto por industrias de primeira transformación, representadas por empresas de gran tamaño presentes nos mercados internacionais -como a Financieira Madereira FINSA, con sede en Santiago- así como por un bo número de pequenas e medianas empresas (serradoiros, carpinterías, fabricación de mobiliario...) con carácter familiar e espalladas por todo o territorio, tanto nas provincias do interior como na costa. - A industria téxtil e da confección adquiriu un enorme desenvolvemento desde os anos oitenta do século pasado, cunha cobertura empresarial de alto nivel tecnolóxico e moitos pequenos centros de produción nas catro provincias. Os principais núcleos de implantación do sector son o eixe Arteixo-A Coruña, grazas ao dinamismo do grupo Inditex e á proliferación de multitude de pequenos talleres, Vigo-Redondela, Ourense, e, en menor medida, Santiago, Lalín ou Ferrol